domingo, 23 de abril de 2017

Os Límites do Sistema Solar

O Sistema Solar ten forma de burbulla. Forma parte do Sistema Solar todo o que está dentro da zona de influencia do Sol. É dicir, ata onde alcanzan a súa forza de gravidade, o vento solar e o seu campo magnético. Esta burbulla chámase heliosfera, e flota polo espazo orbitando ao redor da galaxia.

                                                                             Heliosfera.

O bordo exterior da heliosfera chámase heliopausa. A heliopausa é a fronteira invisible do Sistema Solar. É o lugar onde o vento solar perde velocidade e dá a volta. Envolve a heliosfera e protéxea dos raios cósmicos externos.

A heliopausa é elástica. Expándese e contráese, e pode cambiar de forma e tamaño. Crese que nalgún tempo pasado estivo moi contraída e o Sistema Solar estivo exposto a moitos raios cósmicos.

O límite da heliopausa chámase choque de terminación. Está en contacto coa radiación externa. A partir de aí comeza o espazo interestelar. Actualmente, o Sistema Solar atravesa unha pequena nube interestelar que está presionando o choque de terminación e a heliopausa.

En 1.977 a NASA enviou ao espazo as sondas Voyager I e II. Logo de explorar o Sistema Solar externo, a Voyager I entrou na heliopausa en 2.005. Agora está a máis de 17.000 millóns de quilómetros da Terra e segue avanzando a máis de 60.000 quilómetros por hora.

                                                                  Mensaxe do Voyager.

A Voyager I é o obxecto fabricado polo home que máis lonxe chegou ata agora e o primeiro en saír do Sistema Solar. No seu interior leva uns discos de ouro que conteñen información sobre a Terra e a vida, xa que formaba parte dun programa de procura de vida extraterrestre apoiado por Carl Sagan. Tamén transporta un mapa coa nosa localización no Sistema Solar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario